Aceptar Faircoin para construir redes

En Faircoop Galiza entendemos que é fundamental potenciar a economía circular local, crear redes de intercambio sólidas e promover o uso de medios de relación económica con todas as posibilidades alternativas aos medios capitalistas: crédito mutuo, troco, moedas sociais e/ou Faircoin.

FairCoop global continúa ofrecendo cambio a Euros a comerciantes e produtoras que o soliciten. Dada a situación alternante da liquidez nos fondos globais e locais desde FairCoop Galiza recomendamos que esta non sexa unha prioridade. Se se necesita cambiar a Euros pode solicitarse ao Punto de Cambio máis próximo (Vigo, A Coruña ou Betanzos). Debe terse en conta que o cambio pode demorarse algún tempo ata ser efectivo polo que é prudente contar con, polo menos, un mes. Existe a vontade de que sexa o máis rápido posible, como se veu realizando nos últimos anos, aínda que é mellor ter presente esta posible demora.

Faircoop Galiza é un nodo autónomo da rede mundial de Faircoop Global. En xeral estamos máis de acordo en que debemos centrarnos en crear redes activas e evitar o cambio a Euros. Por tanto, cada produtora, comerciante ou persoa que acepta Faircoin deberá asumir unha parte activa decidindo cantos Faircoin pode aceptar para utilizar noutros intercambios ou gardalos como unha forma de aforro. Os nodos locais de Faircoop Galiza potenciarán o seu papel no fortalecemento desta rede e o intercambio con outras redes próximas. Isto, entre outras cousas, supoñerá que estaremos a traballar en Rutas de Intercambio, financiar produción de bens necesarios, creación de despensas ou puntos de distribución de produtos, estudar necesidades e promover o uso de Faircoin ou outras ferramentas económicas para cubrir as devanditas necesidades na súa area de acción. Esta área de acción é, principalmente, unha biorrexión natural que comprende, polo menos, o norte de Portugal, Galiza e algunhas areas adxacentes como o Bierzo, por exemplo. Así mesmo entendemos que podemos establecer relacións naturais con outras areas e nodos locais que desenvolven accións coherentes nunha linea de autoxestión e desenvolvemento de redes autónomas decididamente fóra da órbita capitalista como, por exemplo: Asturias, Tarragona, Albacete, Valencia, Sevilla, entre outras. Con algunhas destas biorrexións xa realizamos intercambios proveitosos para todas.

Produtoras, comercios e persoas que aceptan Faircoin

Deberán fixarse un máximo razoable de Faircoin que poden admitir en cada momento. Este límite pode aumentar segundo as posibilidades de intercambio. Por exemplo, a medida que fagamos rutas que transporten desde e cara á comunidade diversos produtos ese límite pode aumentar, dado que poderán usar Faircoin para adquirir eses bens necesarios. Cada consumidora (mellor prosumidora) participando nesta rede terá como hábito natural preguntar nos sitios que aceptan Faircoin se pode pagar con esta moeda. En cada sitio, segundo a situación do momento, tamén será natural que lle informen se poden aceptar a totalidade, unha parte ou, en determinados momentos, non aceptar máis Faircoin.

Non hai nin debe haber ningún problema en autoregularse desa maneira. Non é o prioritario aceptar 100% Faircoin mentres non haxan suficientes posibilidades para usalos. Se actualmente non é posible vivir ao 100% con Faircoin si é un paso moi importante poder incorporalo en calquera porcentaxe, por pequeno que sexa.

Faircoin non é un medio de pago pasivo creado por un banco ou unha multinacional. Somos activistas creando unha rede social de relacións económicas con ferramentas fóra da órbita do sistema capitalista imperante. Cada produtora, comercio ou persoa que acepta Faircoin é unha activista contribuíndo a crear un sólido sistema económico de igual a igual e, por iso, a súa participación activa é moi importante.

Outras formas de autorregulación

Ademais de fixarse un límite mensual de Faircoin que poden ser aceptados poden seguirse moitas outras estratexias.

  • Aceptar 100% de Faircoin a aqueles colectivos ou persoas cos que poden realizarse intercambios ou sexan pares de total confianza. Se ofreces produtos ou servizos en Faircoin a túa achega é valiosa e, por tanto, outros comercios ou persoas poden decidir aceptarche o 100% do pago en Faircoin. Pero, posiblemente, isto non será así con todo o mundo o cal debe ser sinxelo de entender.
  • Ofrecer en Faircoin só determinados produtos.
  • Aceptar unha determinada porcentaxe do pago en Faircoin e o resto en Euros ou outra moeda. Por exemplo, aceptar o 25% en Faircoin. Isto tamén pode depender da contía da transacción.
  • Cada comercio ou persoa pode contribuír a dar a coñecer Faircoop e Faircoin ás persoas coas que se relaciona e, por tanto, ofrecerlles Faircoin ao prezo oficial.

Estamos traballando na construción de ferramentas para ofrecer excedentes ou determinados produtos nunha plataforma en liña. Cada produtora ou comerciante poderá establecer o radio xeográfico ata onde queira enviar eses produtos ou tamén pode establecer que a recollida será no propio comercio ou lugar de produción.Tamén comezamos a establecer rutas de intercambio en Galiza e o norte de Portugal que, nun momento dado, poderemos enlazar con rutas máis amplas como a que realizamos cruzando a península ibérica.

Con este enfoque seguiremos construíndo unha rede económica alternativa potente baseada en intercambios e interaccións reais na que Faircoin e outras alternativas sexan unha ferramenta crave para crear unha economía máis xusta e solidaria.

Para calquera dúbida, como sempre, podedes consultar co nodo local máis próximo. Ao mesmo tempo, animámosvos a participar nas asembleas e formar parte activa deste proxecto en marcha. Isto facémolo entre todas. En cada nodo local discútense e levarán a efecto numerosas outras ideas así que leste mesma mensaxe pode ser modificado e ampliado con moitas outras achegas. O importante é que esteamos a construír estas redes locais de confianza, conectadas entre si, desde a máis rigorosa horizontalidade, inclusividade e a maior transparencia porque o mundo necesita unha economía real da xente e para a xente. Fagámoslo cada vez unha realidade máis sólida.